miércoles, noviembre 06, 2013

"A FAZAÑA DA LIBERDADE", DOCUMENTARIO SOBRE ALEXANDRE BÓVEDA, PATRIOTA GALEGO APRESENTACIÓN EN BILBO/BILBAO 7 DE NOV. /19: 00 H. Na Sala Gárate (Edificio Central, Campus de Bilbo). ORGANIZA: Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Deusto.


Alexandre Bóveda naceu en Ourense o día 4 de xuño de 1903. O seu pai era carpinteiro e a súa nai costureira. Alexandre era o terceiro de sete irmáns.

Estudou a primaria nunha escola anexa á de Maxisterio; despois fixo cursos de peritaxe mercantil no colexio dos irmáns Villar.

Comezou a preparar as oposicións á Facenda. Na primeira tentativa errou. As seguintes preparounas en Ourense e na Academia Reus en Madrid. Conseguiu o número 1 nas oposicións a Auxiliares de Contabilidade do Estado, cando tiña só 20 anos.

Pasou catro anos da Delegación de Facenda de Ourense. No ano 1924 pide o destino para Pontevedra, onde é designado Xefe de Contabilidade da Facenda.

Na Coral Polifónica, de que formaba parte, coñece a que sería a súa esposa, Amalia Álvarez Gallego, con que casou o día 20 de outubro de 1930.

O día 5 de decembro de 1931 foi fundado en Pontevedra o Partido Galeguista, do cal Alexandre farío parte desde o inicio. Alexandre Bóveda foi nomeado Secretario de Organización. Segundo Castelao, Bóveda era o “motor de explosión” do partido. Conseguiu crear un partido de masas, que pasou de 700 a 3000 persoas afiliadas en pouco tempo.

O día 3 de xuño de 1932, a Asemblea de Concellos de Galiza encarregou a nove ponentes a redacción do anteproxecto de Estatuto de Autonomía. Alexandre Bóveda foi, durante seis meses, o principal impulsor do anteproxecto. Nel demostrou con cifras incontestábeis que a política fiscal do Estado discriminaba a Galicia.

O día 19 de decembro de 1932 foi aprobado co voto favorábel dun 77% dos delegados. O Goberno Central autorizou a realización dunha consulta popular sobre o Estatuto.

Debido á chegada do bienio negro (1934-35), Castelao é desterrado a Badaxoz e Bóveda a Cádiz. O Partido Galeguista reséntese. Na segunda metade do ano 35 Alexandre consegue traslados a Madrid, a Vigo e, de novo, a Pontevedra.

O triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 posibilita a realización do plebiscito para a aprobación do Estatuto de Autonomía, que se realizaría o día 28 de xuño dese ano. Foi aprobado con case o 99% dos votos dos galegos.

O día 19 de xullo de 1936 maniféstase o golpe militar en Pontevedra. Bóveda, que estaba co gobernador civil, é detido. Coincidiu no cárcere de Pontevedra con compañeiros como Victor Casas, director d´A Nosa Terra.

O día 13 de agosto celébrase o xuízo militar sumarísimo, do cal saíu condenado a morte.
Na alba do día 17 de agosto de 1936 foi fusilado na Caeira, ao pe dún groso piñeiro, dun tiro no corazón. O cadáver foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro, en Pontevedra.
Especialmente emotivas foron as palabras de Castelao, algúns anos despois:

A miña saúde aínda quixo visitar devotamente os moitos cemiterios de Galiza, onde durmen os derradeiros mártires da Liberdade, en número incontábel. A miña imaxinación viu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza. Pero no de Pontevedra viu unha labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do esprito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortantes, porque non pertence á Historia senón á Tradición, en arume de lenda. Bóveda terá de ser nun mañá próximo ou lonxano a bandeira da nosa Redención.”

En lembranza de Bóveda, os exiliados galegos de Buenos Aires decidiron celebrar o día 17 de agosto como “Día da Galiza mártir”. Para el e para todos os mártires galegos, escribiu Castelao que "querían enterrar cadavres, pero enterraban semente”.

Enterraban semente, e de boa calidade, como se mostra na derredeira carta de Alexandre:

“Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República”

Desde a nosa asociación Ahaztuak 1936-1977 alí estaremos cos irmáns galegos, irmáns na lembranza da nosa xente e das nosas loitas pola Liberdade, na Galiza e tamén na nosa terra, Euskal Herria.